Asesoramento PRO

 Inicio / Asesoramento PRO
Como presento o meu proxecto?

Para acceder ao servizo tes que rexistrarte na páxina e crear o teu perfil de usuario. Desde alí deberás completar os diferentes campos do formulario de inscrición. Poderás facelo en lingua galega ou castelá.

Unha vez finalizado o proceso, desde ACO remitiremos o proxecto a unha persoa do equipo de asesores, quen terá un prazo máximo de 30 días naturais para emitir un informe de valoración. Os proxectos serán asignados e valorados por estrita orde de chegada. 

Que información preciso achegar?

Os campos do formulario de inscrición inclúen información técnica xenérica, como título, duración, idioma ou sinopse, e información para unha mellor comprensión do proxecto como memoria, material gráfico ou proposta de equipo técnico e artístico.

A quen está destinado o servizo?

A calquera persoa maior de idade, nacida ou residente en Galicia, que conte cun proxecto audiovisual en fase de desenvolvemento ou produción avanzada. Os proxectos de autoría múltiple deberán ser presentados por un único usuario.

En que áreas podo recibir asesoramento?

ACO ofrece asesoramento nas seguintes áreas:

*Desenvolvemento

  • Cinema
  • Formatos televisivos
  • Narrativas interactivas, transmedia e videoxogos
  • Creación audiovisual contemporánea

*Produción avanzada

Cando podo presentar o meu proxecto?

En 2018, as datas de recepción de proxectos serán as seguintes:

  • 3-16 de setembro: recepción de proxectos de cinema. Longametraxes e curtametraxes de ficción e non-ficción
  • 17-30 de setembro: recepción de proxectos de formatos televisivos. Ficción unitaria ou seriada (inclúe web series), programas informativos, deportivos ou de entretemento
  • 1-14 de outubro: recepción de proxectos de narrativas interactivas, transmedia e videoxogos. Proxectos que implican interacción por parte de usuarios e usuarias 
  • 15-28 de outubro: recepción de proxectos de creación audiovisual contemporánea. Cine de museo, videocreacións e instalacións.
  • 29 outubro-11 novembro: recepción de proxectos de produción avanzada. Proxectos na etapa previa á súa estrea, distribución ou comercialización

Quen asesora o meu proxecto?

Cada proxecto será valorado por unha soa persoa integrante do equipo asesor, que permanecerá no anonimato coa finalidade de facilitar a obxectividade do proceso.

Cantos proxectos podo presentar?

Se es socio ou socia da Academia podes presentar un proxecto por área de asesoramento. Se non o es podes presentar un único proxecto.

Un 25% dos proxectos serán reservados para persoas residentes no Concello de A Coruña, sexan ou non socias da Academia.

Que custo ten o servizo para o usuario?

O servizo de Asesoramento PRO é gratuíto.

Podes consultar aquí os requisitos de uso do servizo.

Asesoramento PRO