Equipo asesor

Coñece aos socios e socias da Academia que aportan a súa experiencia nas diferentes áreas.

 Inicio / Equipo asesor
Cinema

Cinema

Longametraxes e curtametraxes de ficción e non-ficción.

Beli Martínez

Beli Martínez

Doutora en Comunicación Audiovisual coa primeira tese de estudio sobre o Novo Cinema Galego, é docente na Área de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidade de Vigo e no IES Audiovisual de Vigo. A súa carreira como produtora inclúe as longametraxes Arraianos de Eloy Enciso, Vikingland de Xurxo Chirro e Jet Lag de Eloy Domínguez Serén, proxectos como Cinema e Muller, que visibiliza o traballo das cineastas galegas e Proxecto Socheo, que traballa cos arquivos domésticos e foi distinguido co Premio de Alfabetización Audiovisual do Ministerio de Educación. Colabora como programadora e coordinadora de actividades nos festivais de cine Play Doc e Curtocircuíto.

Dani Froiz

Dani Froiz

Técnico Superior en Produción Audiovisual na Escola de Imaxe e Son da Coruña e Máster en Dirección de Empresas polo IFEM. Despois de traballar en Produtora Faro e Voz Audiovisual, funda en 2004 Matriuska Producciones, coa que produce, entre outras, as longametraxes de Ángel Santos Dous fragmentos/Eva e As altas presións e a ópera prima de Anxos Fazáns A estación violenta. Director de produción de traballos de imaxe real e animación como De bares e Relatos de Mario Iglesias, O ladrón de bonecas de Fernando Cortizo, Vilamor de Ignacio Vilar e Caracolas de Miguel Caruncho. Os seus proxectos foron seleccionados e premiados en citas internacionais como o SEIFF, Festival de Málaga e New York City International Film Festival.

Felipe Lage

Felipe Lage

Produtor graduado en EAVE, fundador e director da produtora Zeitun Films, é responsable da produción dalgunhas das principais obras encadradas na corrente do Novo Cinema Galego, como Todos vós somos capitáns e Mimosas dirixidas por Óliver Laxe, as dúas galardoadas no festival de Cannes. Outros filmes da produtora como  Arraianos de Eloy Enciso, O quinto evanxeo de Gaspar Hauser de Alberto Gracia, Pozoamargo de Enrique Rivero ou Costa da morte de Lois Patiño foron proxectadas e premiadas en festivais de relevancia internacional como Rotterdam, Locarno, Jeonju, Busan, Ficunam ou Sevilla. Os seus proxectos máis recentes son a curtametraxe Tshweesh de Feyrouz Serhal e a nova longametraxe de Patiño, Tempo Vertical.

Luisa Romeo

Luisa Romeo

Fundadora e produtora en Frida Films, empresa especializada en longametraxes e documentais de cine de autor. O seu obxectivo é producir películas con potencial comercial e relevancia internacional. As súas producións inclúen María y los demás (2016) de Nely Reguera e Los increibles (2012) de David Valero, estreadas no Festival de San Sebastián; A arca de Noé (2014) de Adán Aliaga e David Valero e A muller do eternauta (2012) de Adán Aliaga. Os seus vindeiros proxectos inclúen a coprodución hispano-lituana Trote, primeira longametraxe de Xacio Baño, After, de Oliver Laxe e Tres de Juanjo Giménez. É membro da Xunta Directiva de AGAPI, da Directiva da Academia Galega do Audiovisual e graduada en EAVE.

Formatos televisivos

Formatos televisivos

Ficción unitaria ou seriada (inclúe webseries), programas informativos, deportivos ou de entretemento.

Araceli Gonda

Araceli Gonda

Guionista de series para TVG como Luci (da que é co-creadora), Padre Casares, Cuarto sen ascensor, A vida por diante, Terra de Miranda, Pazo de Familia, Urxencia Cero, Serramoura e Vidago Palace. Participou en Piratas (Telecinco) e Hierro (Movistar+ e Arte Francia). En cine colaborou no guión de 18 comidas, galardonada con sete premios Mestre Mateo, incluído o de mellor guión. Guionista de programas de entretemento como Tourilandia, escritora de teatro Flis-fli-ris-flás, A rebelión do monicreque, Curriculum Vitae, Amor Flexible e autora de libros infantís: Flis-fli-ris-flás, Area fai seis, Os amigos de Santi. Foi profesora de guión na Universidade de Santiago de Compostela.

Pepe Coira

Pepe Coira

Profesional independente, guionista e produtor executivo. Director de desenvolvemento en Voz Audiovisual (2000-06), Filmax Galicia (2006-10) e Portocabo (2010 ata hoxe), leva intervido en numerosas producións, tanto de ficción coma documentais. Director do CGAI desde a súa fundación en 1990 ata 1997. Foi profesor nas universidades de Vigo e Santiago, na Escola de Imaxe e Son de A Coruña e no Máster de Produción e Xestión Audiovisual da UDC, desde a súa creación ata o día de hoxe. É autor dalgunha monografía e colaborador en diversas publicacións sobre a historia do cine en España e en Galicia. Traduciu ao galego as Notas sobre o cinematógrafo, de Robert Bresson.

Puri Seixido

Puri Seixido

Licenciada en Psicoloxía e formada na Escola de Imaxe e Son da Coruña, colaborou con diversos colectivos culturais e literarios ata iniciar a súa carreira como guionista no ano 2000. Escaletista, dialoguista e editora de guión en obras audiovisuais de referencia como Mareas Vivas; escaletista e dialoguista de Libro de Familia e As Leis de Celavella, por esta última obtivo o Mestre Mateo ao Mellor Guión en 2003. Tamén elaborou diálogos para Padre Casares, A Vida por Diante, Terras de Miranda, Miña Sogra e Máis Eu e Rías Baixas. Ademais, foi guionista das películas para televisión A condesa rebelde Emilia Pardo Bazán e Reliquias. Foi vicepresidenta da Asociación Galega de Guionistas.

Sonia Méndez

Sonia Méndez

Dirixe dende 2014 o Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay. Co-produciu, guionizou e co-protagonizou a serie web Angélica y Roberta, premio Mestre Mateo en 2013. Directora e guionista de As damas negras e Conversa cunha muller morta, premiadas co Mestre Mateo a Mellor Curtametraxe en 2012 e 2013, tamén dirixe Café Bar Perruquería Santos para o I Chanfaina Lab e Ei, Guapa para o filme colectivo Visións. Formada en interpretación, guión, dirección de actores e realización, como actriz participou nas películas Rafael de Xavier Bermúdez, Unha muller invisible de Gerardo Herrero e O sexo dos anxos de Xavier Villaverde, así como nas series Terra de Miranda, Os Atlánticos, Cuéntame e, na actualidade, Serramoura.

Narrativas interactivas, transmedia e videoxogos

Narrativas interactivas, transmedia e videoxogos

Proxectos que implican interacción por parte de usuarios e usuarias.

María Yáñez

María Yáñez

Licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago, coordina as actividades do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay. Xornalista, investigadora e produtora de contidos dixitais, cunha traxectoria de máis de quince anos en cine, televisión e internet, sobre todo explorando as interseccións entre estes medios. É especialista en narrativas interactivas e transmedia, en contido web e en distribución e promoción audiovisual en internet. Traballa de xeito independente como docente de novas narrativas dixitais e documental interactivo, e tamén deseñando e executando estratexias de contidos dixitais e comunicación online para distintos proxectos relacionados co audiovisual.

Adolfo Ponte

Adolfo Ponte

Doutorando en Comunicación Audiovisual e Máster en Produción Audiovisual. Produtor, guionista e creativo de cine, tv, vídeo, internet e videoxogos. Foi responsable de desenvolvemento en empresas como Filmax, Massvisual, InnoAV e Dmntia, produtor en Randm e The other side films e produtor executivo das series Paquita Salas e Dorien (Playz). Funda unha das primeiras compañías especializadas en branded content e branded entertainment de España. Na actualidade dirixe a división de servizos audiovisuais de Torres y Carrera e encárgase da produción executiva en Milana Bonita Producciones. É profesor do Máster de Producción Audiovisual da Universidade Complutense e responsable de Branded na Madrid School of Marketing. 

Luz Castro

Luz Castro

Doutora en Informática pola Universidade da Coruña, onde traballa como docente na Facultade de Comunicación Audiovisual desde o 2008. Socia fundadora de imaxin|software, onde dirixe a área de desenvolvemento de xogos educativos e produtos multimedia. Co-fundadora de Videoxogos.gal e de Startup Galicia, é membro do comité de dirección do Cluster TIC de Galicia e promotora da LaconNetwork.

Alfonso Martínez

Alfonso Martínez

Licenciado en Dereito e MBA pola Escola de Negocios IESIDE, é actualmente Director Xeral da axencia de medios Ingenio Media, unha axencia especializada en axudar aos anunciantes a rendibilizar a súa inversión publicitaria mediante a planificación estratéxica da súa comunicación. Especialista en contidos de televisión de pago, durante 13 anos foi xefe de produto de televisión en R, onde foi responsable de co-producións e impulsou proxectos como o vídeo baixo demanda. Actualmente o seu novo posto permítelle observar a produción audiovisual dende un punto de vista transmedia con especial énfase na publicidade audiovisual on e off line.

Creación audiovisual contemporánea

Creación audiovisual contemporánea

Obras experimentais, videocreacións e instalacións.

Belén Montero

Belén Montero

Co-fundadora e co-directora de Esferobite, empresa de proxectos audiovisuais para internet e multimedia, e do colectivo DSK, especializado en proxectos experimentais de arte visual e música. A súa proposta indaga na capacidade de adaptación do audiovisual aos novos formatos en rede e á expansión do medio. Foi docente en centros como CENP, IED, Elisava e BAU e traballou coa Fundación Gas Natural Fenosa (MAC), CGAC, Fundación Luís Seoane, Obra Social Caixa Galicia, Pompidou Metz, Canal C:, Virgin, Dro East West ou Hangar entre outros. Titulada nas especialidades de realización-produción, e montaxe-posprodución, é Licenciada en Historia da Arte na especialidade de Xestión Cultural pola UAB.

Carme Nogueira

Carme Nogueira

Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca e doutora pola Universidade de Vigo, foi docente e investigadora nesta ultima. É autora de publicacións, artigos e conferencias sobre a representación e a identidade. Entre os seus proxectos destacan as videoproxeccións 25 minutos 55 segundos diarios, Travesía de Vigo así como a videoinstalación Porteños, producida para o proxecto Valparaíso-Intervenciones, en Chile. En Berlín produciu Bewegtcentrum (O centro en desprazamento) e, posteriormente, en París, O centro en desprazamento II: La citoyennetè, que tivo continuidade en 2014 coa exposición La ciudad después de los aplausos no Centre d'art Contemporain de la Ville de Clichy.

María Ruido

María Ruido

Artista, realizadora, investigadora e docente. Vive entre Madrid e Barcelona, onde é profesora no Departamento de Arte e Cultura Visual da Universitat de Barcelona. Desde 1998 desenvolve proxectos interdisciplinarios sobre a construción social do corpo e a identidade, os imaxinarios do traballo no capitalismo postfordista, sobre a construción da memoria e as súas relacións coas formas narrativas da historia e, máis recentemente, traballa arredor das novas formas dos imaxinarios decoloniais e as súas posibilidades emancipatorias. Participou en exposicións individuais e colectivas e en festivais de cinema e vídeo en países como Alemaña, Turquía, Estados Unidos, Francia, Arxentina, Túnez, Brasil, Hungría ou Reino Unido.

Xisela Franco

Xisela Franco

Cineasta, documentalista e docente. Licenciada en Comunicación Audiovisual e Humanidades en UEM-CEES e Máster Fine Arts in Film na Universidade de York. En total ten dirixido e guionizado máis de vinte documentais e pezas de cine experimental baixo a etiqueta de cine migrante, un concepto que define traballos persoais a cabalo entre o documental experimental e o cine de museo. Premiada en festivais internacionais como DocumentaMadrid ou o Festival de Vitoria-Gasteiz e con pezas seleccionadas no DOK Leipzig, a European Short Film Biennale, o Images Festival de Toronto ou L´Alternativa de Barcelona. En 2016 dirixe o proxecto Cinema e Muller, co que visibiliza o cine feito por mulleres en Galicia.

Produción avanzada

Produción avanzada

Proxectos na etapa previa á súa estrea, distribución ou comercialización.

Andrea Franco

Andrea Franco

Licenciada en Xornalismo, Posgrao en Crítica de Cinema e Doutora cum laude cunha tese sobre a cidade no cinema iberoamericano contemporáneo. Exerceu a crítica en diarios como El correo gallego e La Opinión, e colaborou nas revistas Miradas de Cine, Cinema ad Hoc e Acto de Primavera. Actualmente escribe en La Furia Umana e Transit, cine y otros desvíos e traballa como comisaria para museos, filmotecas, festivais e plataformas dixitais. Dende 2017 é asesora de programación do Festival Internacional de Cine de Ourense. Membro de CAMIRA, participou como Xurado da Crítica no Festival de Belfort e en Curtocircuíto. Tamén formou parte do Xurado Oficial da Muestra de Cine Europeo de Lanzarote e do IBAFF de Murcia.

Víctor Paz Morandeira

Víctor Paz Morandeira

Forma parte do equipo de programación do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) - Filmoteca de Galicia. Xornalista especializado en cine, é fundador da revista A Cuarta Parede e colaborador habitual de El séptimo vicio de Radio 3 e outros medios. A súa experiencia acumúlaa principalmente en festivais como Curtocircuíto e Play-Doc, onde foi responsable de prensa durante varias edicións. Tamén ten programado nestes certames e noutros coma o de Xixón. Co-editor da publicación Charles Burnett: un cineasta incómodo e autor do caderno Novo Cinema Galego: identidade e vangarda, recentemente produciu o filme Nocturno: pantasmas de mar en porto, dirixida por Álvaro Fernández-Pulpeiro.

José Manuel López

José Manuel López

Crítico, docente e programador cinematográfico, fundador da revista de cine Tren de sombras (2004-2008) e membro do consello de redacción de Caimán Cuadernos de Cine (2007-2017). En 2008 coordina o libro Naomi Kawase. El cine en el umbral para o Festival de Las Palmas e participa en libros colectivos como La Risa Oblicua. Tangentes, paralelismos e intersecciones entre documental y humor; Las edades de Apu. Estudios sobre la Trilogía de Satyajit Ray e Paul Schrader. El cineasta frente a los tiempos, entre outros. Colabora con diferentes revistas cinematográficas e ten impartido conferencias no Master LAV, a ESCAC, o CGAI, a SEMINCI, o Festival de Málaga ou o Centro de las Artes de Sevilla. Profesor de guión na facultade de Comunicación de Pontevedra, desde 2012 imparte cursos de cine no MARCO e o CGAC.